| Sumario: | No presente artigo analizamos o léxico común estándar do campo semántico das partes da cabeza, polo tanto, a nosa análise encádrase dentro do campo da lexicografía e non da terminoloxía. Para tal fin, traballamos co léxico recollido no Diccionario da Real Academia Galega e no Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega, por consideralas as dúas grandes obras de referencia a nivel normativo, e tamén coas voces utilizadas en textos de carácter literario e nalgúns manuais e libros de texto, xa que son dous medios que poden axudar ao éxito ou fracaso dunha determinada voz fronte a outras. Tras a análise destas fontes verificamos dúas situacións a respecto do léxico patrimonial: por un lado hai formas tradicionais ou acepcións que non se rexistran, e até nalgúns casos só sobrevive o tecnicismo, e por outro lado, algunhas formas autóctonas acabaron por ser secundarizadas fronte a outras co mesmo significado. Por este motivo, na última sección propomos a recuperación ou revitalización a nivel normativo dunha serie de voces tradicionais tendo en conta a súa presenza na tradición lexicográfica, a nivel dialectal e histórico e nas linguas das áreas limítrofes.
|